O CPLGA FIRMA UN CONVENIO CON FAGAL

10-11-2022 - Esta mañá o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA) asinou un convenio coa Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Azlhéimer e Outras Demencias (FAGAL). O acto tivo lugar na sede do CPLGA. En representación de Fagal acudiron a súa presidenta, Mª Isabel Gey Pérez e Javier Hermida Porto, traballador social da entidade.
O obxecto do Acordo Marco é o establecemento das bases polas que se rexerá a colaboración entre o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia (CPLGA) e a Federación Alzhéimer Galicia para a posta en marcha e desenvolvemento de medidas de avance no proceso de atención ás persoas cunha demencia neurodexenerativa, dano cerebral e ás súas familias. A este acordo marco considéranse sumada a rede de entidades que configura da Federación Alzhéimer Galicia para a consecución dos fins perseguidos.

As persoas destinatarias das medidas previstas neste acordo serán as persoas maiores, as persoas cunha demencia neurodexenerativa e a súas familias e persoas coidadoras e as e os profesionais da logopedia de Galicia.

Así, ambas entidades comprométense a participar e colaborar activamente nas actividades e proxectos que se acorde establecer e que irán encamiñados, en termos xerais, a: promover liñas de investigación conxunta sobre a logopedia en persoas maiores, persoas cunha demencia neurodexenerativa e as persoas coidadoras; promover a logopedia comunitaria para promover a saúde das persoas maiores, as persoas cunha demencia neurodexenerativa e as súas persoas coidadoras así como a detección precoz das demencias e previr ou detectar precozmente enfermidades asociadas a estes colectivos; deseñar programas de formación para profesionais da logopedia e para persoas coidadoras de persoas con alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas; compartir canles de información para promocións dos fins comúns de ambas entidades e crear unha base documental validada para a fundamentación de programas e proxectos dentro do ámbito propio de cada entidade ou colaborar para a realización de proxectos conxuntos en calquera ámbito público (local, autonómico, estatal ou europeo) ou privado.
Colegio Profesional de Logopedas de Galicia
Avenida de Arteixo, 2 - Entreplanta Dcha. - 15004 A Coruña
Tlf. 881 991 361 / Mvl. 604 058 765
e-mail: cplga@cplga.es
Diseño y Programación Web: ViaFisio, S.L. - www.viafisio.com