O CPLGA COLABORARÁ CON EDUCACIÓN NA ATENCIÓN AO ALUMNADO CON TRASTORNOS DA COMUNICACIÓN OU A DEGLUTICIÓN

24-09-2021 - O pasado venres asinouse un convenio entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia e o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia que ten por obxecto establecer as condicións da colaboración de ambas entidades nas accións e actividades dirixidas á mellora da atención educativa ao alumnado con trastornos da comunicación ou deglutición. No acto, no que se formalizou a firma do documento por parte da presidenta do CPLGA, Ana Isabel Vázquez e o conselleiro, Román Rodriguez, estivo tamén presente a vicepresidenta do CPLGA, Diana Gándara.
As persoas beneficiarias da colaboración prevista neste convenio serán o alumnado con trastornos da comunicación ou deglutición de todas as etapas e niveis regulados pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, escolarizado en centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería, o profesorado e as familias dese alumnado.

Así, a Consellería promoverá na formación permanente do profesorado (que desenvolve por medio das estruturas de formación e nas distintas modalidades formativas) a colaboración do CPLGA nas accións relativas á atención á diversidade e á formación do profesorado que atende ao alumnado con trastornos da comunicación ou da deglutición e ambas entidades colaborarán na sensibilización e na difusión de materiais e documentos que permitan un maior coñecemento das circunstancias específicas asociadas ao alumnado con estos trastornos.

O convenio recolle tamén que a Consellería facilitará a colaboración do persoal profesional do CPLGA nos centros docentes dependentes da Consellería con escolarización de alumnado con trastornos da comunicación ou da deglutición. A solicitude de colaboración do persoal profesional do CPLGA debe realizarse por parte do centro docente. O profesorado titor ou, se é o caso, profesorado designado pola dirección do centro será o responsable de coordinar as posibles actuacións concretas das persoas especialistas do CPLGA en cada un dos casos e de manter informada a cada unha das familias.

As actuacións do persoal especialista do CPLGA nos centros docentes, entenderase dentro do principio de colaboración entre todas as persoas que atenden a un mesmo alumno ou alumna e coa finalidade de facilitarlle unha atención educativa inclusiva e axustada ás características individuais de cada alumno ou alumna para favorecer e facilitar a súa aprendizaxe. Este persoal deberá reunir a formación profesional e técnica adecuada que se require para atender ao alumnado con trastornos da comunicación ou da deglutición; ter cumprida a obriga imposta polo artigo 13.5 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor (LOPXM), introducido pola Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia; ter regularizada a súa situación colexial co Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e respectar os principios de autonomía organizativa de cada centro docente, así como o seu proxecto educativo.

O CPLGA valora moi positivamente este documento que vai marcar as guías dunha colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade que esperamos sexa beneficiosa para toda a comunidade educativa e especialmente para os nenos e nenas que pretendemos axudar.
Colegio Profesional de Logopedas de Galicia
Plaza de Portugal, 9 - bajo
15011 A Coruña
Tlf. 881 991 361 / Mvl. 604 058 765
e-mail: cplga@cplga.es
Diseño y Programación Web: ViaFisio, S.L. - www.viafisio.com