A LOGOPEDA RUTH GONZÁLEZ FALARÁ DE DISFAXIA NO SIMPOSIO SAÚDE ORAL E DANO CEREBRAL

11-11-2020 - A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) e a Unidade para Pacientes con Necesidades Especiais (UPNE) da Facultade de Medicina e Odontoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) organizan o Simposio online ‘Saúde Oral e Dano Cerebral Adquirido’ os días 23 e 25 de novembro de 2020 de 16:30 a 18:30.
Cos obxectivos de incrementar o coñecemento mutuo e mellorar a capacitación de todos os equipos profesionais implicados na atención ao dano cerebral adquirido, mesmo desde antes de que se produza (no ámbito da prevención), FEGADACE e a UPNE organizan un Simposio no que se vai falar de ‘Prevención, diagnóstico e tratamento da saúde oral no dano cerebral’ -primeira xornada- e, máis especificamente, de ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’ -na segunda xornada-.

Así, na tarde do día 23 contarase coa neuróloga do CHUS María Santamaría, para falar sobre a relación entre ‘Periodontite e risco de ictus’; cos odontólogos da UPNE Marcio Diniz e Javier Fernández Feijoo, que tratarán, respectivamente, os temas da ‘Prevención e Saúde oral’ e do ‘Tratamento Odontolóxico’; e coa foniatra do CHUVI Azucena Jover Llopis, que abordará o ‘Diagnóstico e valoración global foniátrica en persoas con dano cerebral’.

A segunda xornada, o día 25, será monográfica sobre ‘Nutrición e disfaxia en dano cerebral’. O profesor da Universidade Pontificia de Salamanca e membro da Unidade de Disfaxia do Hospital Universitario da mesma cidade Jorge Chamorro Sánchez introducirá a ‘Abordaxe Integral da disfaxia en dano cerebral’. A continuación, a logopeda de Sarela Ruth González vai falar sobre ‘Manexo e Intervención da disfaxia en dano cerebral', e, a continuación, a dietista nutricionista María Maceira presentará ‘Hábitos saudables e recomendacións nutricionais na persoa con disfaxia e dano cerebral’.

Ese mesmo día, presentado polo membro da UPNE Jacobo Limeres, estrearase un vídeo didáctico no que se presenta a relación entre a saúde oral e a calidade de vida en dano cerebral adquirido desde unha múltiple abordaxe de prevención, diagnóstico e tratamento, e que forma parte, como o Simposio, da serie de froitos da colaboración entre a Federación e a Unidade que se van ir presentando nas vindeiras semanas.

A inscripción xa está aberta e pode realizarse na seguinte ligazón: https://forms.gle/FEGrfE9itJKrzSQp8
Colegio Profesional de Logopedas de Galicia
Plaza de Portugal, 9 - bajo
15011 A Coruña
Tlf. 881 991 361 / Mvl. 604 058 765
e-mail: cplga@cplga.es
Diseño y Programación Web: ViaFisio, S.L. - www.viafisio.com