EXPOÑEMOS NA TVG A COMPLICADA SITUACIÓN DO COLECTIVO DENDE A DECLARACIÓN DO ESTADO DE ALARMA

22-03-2020 - Esta mañá a vicepresidenta do CPLGA, Diana Gándara, explicou no programa A Revista Fin de Semana da Televisión de Galicia a complicada situación que está a vivir o noso colectivo dende a declaración do Estado de Alarma o pasado sábado 14 de marzo.
Diana comezou a entrevista sinalando que, anque onte mesmo a Xunta anunciaba nunha noticia da súa sala de comunicación a decisión de atender a nosa demanda de peche das consultas privadas de logopedia en Galicia, o CPLGA aínda está esperando que nos notifiquen esta medida.

Para explicar a nosa petición de peche a vicepresidenta do CPLGA indicaba que nos nosos tratamentos é moitas veces imposible manter a distancia de seguridade e é frecuente que estemos en contacto coa cavidade oral e o nariz dos nosos usuarios. Sendo isto así o emprego de luvas, máscara e xel desinfectante faise indispensable e non é posible adquirilo debido á situación de desabastecemento xeral, recalcaba Diana.

Ante as preguntas da xornalista, Gándara falou sobre a campaña #CIERRESERVICIOSLOGOPEDIA iniciada polo noso colexio profesional na noite do luns e á que se sumaron outros moitos colexios autonómicos e lembrou que seguimos á espera da resposta que o goberno central dé ó Consejo General de Colegios de Logopedas á petición de peche que se lles solicitou o día 16.

Diana aproveitou a aportunidade para falar da responsabilidade social e ética de todo o colectivo de logopedas galego que, aínda pendente de saber a qué axudas poderán acollerse optaron por pechar as súas consultas dende o primeiro momento para protexer a saúde dos seus pacientes, dos seus traballadores e de toda a sociedade.
Colegio Profesional de Logopedas de Galicia
Plaza de Portugal, 9 - bajo
15011 A Coruña
Tlf. 881 991 361 / Mvl. 604 058 765
e-mail: cplga@cplga.es
Diseño y Programación Web: ViaFisio, S.L. - www.viafisio.com